 |
|
O Caruncho e máis Benito Lobariños (Os Jordechos) amenizarannos a noite coas súas regueifas
Foto: Alberto López
|
|
|
Contaremos nesta VII edición do festival coa actuación de dous dos mellores Regueifeiros galegos que se encargarán da apertura/presentación da verbena en sesión de noite, e que a bo seguro han contribuír a caldear o ambiente coas súas rimas satíricas e mordaces.
Para aqueles que aínda descoñezan esta arte milenaria, dicirlles que estamos a falar dos novos trobadores do século XXI enfrontados nun combate dialéctico onde as únicas armas son, no ataque unha boa rima e na defensa un bo retrouso, co único fin de deixar en evidencia ante o público ao rival. Para tódolos demais familiarizados con este espectáculo, queda admirar esta manifestación de orixinalidade e imaxinación ou no tanto, animarse a entrar no combate cunha boa troba.
En tempos pasados era doado atoparse con estes artistas nas cantinas e tabernas, onde ao abeiro dun vaso de viño escoitábanse as regueifas moitas veces ata altas horas. Desgraciadamente moitos destes mestres foron morrendo, as tabernas pechando e con eles as regueifas esmorecendo. Mais afortunadamente nos últimos tempos iniciouse un proceso de recuperación desta arte con numerosos regueifeiros que percorren o país amosando e ensinado aos máis novos a regueifar.
Como non podía ser menos dende o Castañazo queremos apoiar a difusión das regueifas tamén nesta zona, onde por desgraza, os vellos regueifeiros xa hai anos que nos deixaron. Co obxectivo, de que toda a xente moza saiba o que é unha regueifa e coa esperanza de que se volvan a escoitar as rimas nas tabernas galegas. |